NOTICIAS

Última noticia  

Crónica del Alondras CF & Bergantiños CF por Sheila Lorenzo

Noticias Alondras

Redactor: Antiguo - Fecha 19/09/2016 09:16:11

O ALONDRAS GÚSTASE NO MORRAZO Yerai, Mauro e Pablo Couñago, por partida dobre, sentencian ao Bergantiños Na quinta xornada da Terceira División enfrontábanse Alondras e Bergantiños, dous conxuntos que se reforzaron moi ben no verán, que están chamados a estar na zona media alta da táboa e afrontaban este encontro tan só separados por un punto na clasificación. Nos primeiros compases de xogo vimos como era o Alondras quen tiña máis intención de dominar o encontro, pois os homes de Jacobo Montes tiñan máis empurre no terreo de xogo e buscaban máis o área. Un Alondras liderado no ataque por Joni e Yerai nas bandas e por un Pablo Couñago que se estaba a mover moi ben nos últimos metros e foi o propio Couñago o primeiro en achegarse con perigo a porta rival, pero a acción quedou invalidada por fóra de xogo. No minuto 10 foi Fondevila quen probou sorte cun tiro dende a esquerda que sacou Bugy no pau corto. Tan só 3 minutos máis tarde Pablo Couñago volveu a probar a Bugy que desviou o balón a córner, tras pegar no traveseiro. Sacou de esquina Fondevila e remata Joni outra vez ao traveseiro, pero recolle Pablo Couñago o rexeite para empurrar o balón ao fondo da rede, sería o primeiro da tarde. Tras o gol dos locais, o Bergantiños quedou tocado, o que propiciou que o Alondras xogara o balón case sen presión dos de Carballo e iso que Jacobo Montes tivo que recompoñerse dun contratempo tras a lesión de Xose no minuto 30 que foi substituído por Andrés. Nembargante, os homes de Montes seguían a dominar e dispoñer de numerosas ocasións. Como a que tivo Andrés cun balón que lle chegou no área e que non é capaz de rematar ante o porteiro ou no 41 que Casti rouba un balón na banda dereita, deixa para Fondevila que lla pon a Joni, pero o balón pega por terceira vez na tarde no traveseiro, o segundo de Joni. O Bergantiños que estivera case desaparecido tivo a primeira da tarde no 44, pero co tempo xa cumprido, un gran disparo de Álex Pérez dende a media lúa puxo o empate xusto antes do descanso. Tras o paso por vestiarios os cangueses saíron coa mesma actitude que ao comezo do encontro, buscaban volver a adiantarse no marcador e tampouco custou moito. Só ían oito minutos da segunda metade cando Pablo Couñago asinou un golazo coa esquerda dende a frontal da área. Pero non quedaría aí, pois sete minutos despois Pablo pon un balón perfecto no área pequena dende case 40 metros, recibe Yerai e resolve o un contra un ante Bugy poñendo o 3-1 no marcador. A partir de aí o Alondras foi o dominador claro do encontro fronte un Bergantiños falto de ideas e sen capacidade de reacción que lle deixaba aos blanquivermellos xogar con comodidade e seguir a dispoñer de varias ocasións de gol. E no 78 Bugy rexeita un balón de Mauro, volve caer o esférico nos pes do cangués e na segunda non perdoa e pon o 4-1 no marcador. Aínda puido ampliar o marcador Andrés, pero non foi capaz de gañar o man a man con Bugy, que foi o mellor dos de Miguel Figueira. Tivo Rodri a oportunidade de maquillar o marcador xa no desconto, pero resolveu perfectamente Lorenzo para deixar o marcador co 4-1 definitivo. FICHA TÉCNICA: ALONDRAS CF: Lorenzo, Castilla, Rubén Comesaña, Fiuza, Agujetas, Borja, Yerai (Mauro, min 64), Xose (Andrés, min 30), Pablo Couñago (Abel, min 80), Fondevila, Joni. BERGANTIÑOS CF: Bugy, Borja Facal, Josito (Roberto, min 61), Álex Sánchez, Iago López, Toni, Nano, Jorge Saez (Jonatan, min 72), Nacho, Rodri, Álex Pérez (Asier, min 65). ÁRBITRO: Extremadura Hernández, auxiliado por Casal Fernández e Bastos Francisco, do colexio de Vigo. CAMPO: O Morrazo, ante uns 600 espectadores.   Sheila Lorenzo Xefa de Prensa Alondras CF

Compartir en Facebook
 

Contacto

Alondras CF.


Teléfono: 986 300 220
Fax: 986 191 119
Email: alondras@alondrascf.com