NOTICIAS

Última noticia  

Crónica del Alondras & Villalbes por Sheila lorenzo

Noticias Alondras

Redactor: Antiguo - Fecha 18/12/2016 21:06:55

UN GRAN ALONDRAS NON É CAPAZ DE PASAR DO EMPATE ANTE O VILLALBÉS

18/12/2016 Disputábase no Campo de O Morrazo a décimo novena xornada da Terceira División entre o Alondras CF e o Villalbés, dous equipos que afrontaban o encontro con necesidades ben diferentes, pois os locais precisaban de tres puntos que lle deran un respiro e a posibilidade de afastarse dos postos de perigo, mentres que os de Lugo querían unha vitoria que os achegase ao liderato. Nos primeiros compases do encontro vimos moito xogo no medio campo, pero axiña vimos a un Alondras moi ben posicionado no terreo de xogo que foi gañando metros e fíxose co control do encontro ante un Villalbés incapaz de achegarse á porta de Martín. Os homes de Duarte estaban volcados arriba, metidos no campo do Villalbés e creando accións de perigo, que chegaban especialmente dos pés de Mauro, moi activo durante todo o encontro. Nos derradeiros minutos do primeiro tempo igualáronse máis as tornas e foron ao descanso co marcador sen inaugurar. No segundo período vimos como o Alondras recuperaba o dominio do encontro xogando con descaro e con comodidade. Foi neste período no que os cangueses dispuxeron das mellores e máis claras ocasións. Coma unha contra de Mauro que remata cun tiro potente dende fóra da área que se lle foi desviado pola dereita. Ou no 77 nunha manobra de Joni dentro da área que centra e non chega por pouco Champi. Intentouno o Alondras ata o final, ante un Villalbés totalmente desarmado que non era capaz de crear ningunha xogada, e aínda dispuxo de máis ocasións o equipo de Duarte como nun córner botado por Champi no 40 que cabeceou Tubo e se lle vai polo pau dereito da porta defendida por Marcos. Pero o Alondras a pesar de ser o dominador claro do encontro e dispoñer de numerosas e claras oportunidades de gol falláronlle os últimos metros, o acerto de cara a portería que fixo que o encontro rematase co 0-0 inicial Tras este empate o Alondras é décimo cuarto con 22 puntos, mentres que o Villalbés mantense segundo con 40. Na vindeira xornada o Alondras visita ao Castro, mentres que o Villalbés visita ao Villalonga. FICHA TÉCNICA: ALONDRAS CF: Martín, Castilla, Borja, Fiuza, Rubén Comesaña, Abel, Tubo, Álex (Fondevila, min 70), Mauro (Viñas, min 82), Champi, Iván (Joni, min 65). RC VILLALBÉS: Marcos, Álex Cabarcos, Álex, Hugo, Javi Varela, David García, José Varela, Pablo Vivero, Sergio, Gerardo (Arón, min 93), Villares (Verez, min 86). ÁRBITRO: Hernández González, auxiliado por Mazaira Rodríguez e Farougou Diallo, do colexio de Ourense. Amonestou a  Borja, Abel, Tubo e Champi polo Alondras e a Pablo Vivero polo Villalbés. INCIDENCIAS: Antes de comezar o encontro gardouse un minuto de silencio na memoria de don Román Nuñez Fontán, socio nº 1 do Alondras CF e por don Isidro Silveira, presidente do Racing de Ferrol que ambos faleceron recentemente. CAMPO: O Morrazo, ante uns 600 espectadores.  

Sheila Lorenzo

Xefa de Prensa Alondras CF

Compartir en Facebook
 

Contacto

Alondras CF.


Teléfono: 986 300 220
Fax: 986 191 119
Email: alondras@alondrascf.com