NOTICIAS

Crónica del Alondras C.F. & C.D. As Pontes por Sheila Lorenzo

Noticias Alondras

Redactor: Antiguo - Fecha 15/01/2017 21:04:08

FESTIVAL DE GOLES DO ALONDRAS ANTE AS PONTES

As Pontes, cun home menos case todo o encontro, pagou os pratos rotos do Alondras

15/01/2017 Primeiro encontro do ano no Morrazo correspondente á viséximo primeira xornada da Terceira División que enfrontaba ao Alondras CF co As Pontes. Ningún dos dous conxuntos chegaba nunha gran situación a este encontro, pois os locais partían da decimo quinta posición, mentres que os coruñeses chegaban a Cangas penúltimos con tan só 13 puntos, polo tanto ambos tiñan gran necesidade de sumar os tres puntos. Dende os primeiros compases de xogo viuse a un Alondras moi ben posicionado e que saía a polo encontro e axiña apareceron as primeiras chegadas, especialmente dos pes dos homes das bandas como Mauro e Tubo. No minuto 14 de xogo chegou a primeira acción clave do encontro. Nunha boa xogada do Alondras na que Pablo Couñago se ía da defensa, no vértice dereito do área, Paco, o gardameta de As Pontes, derríbao nunha saída en falso e o colexiado sinala falta e cartón vermello directo para o porteiro que deixa ao seu equipo cun home menos durante case todo o encontro. No saque desa falta a piques estivo de inaugurar o marcador Champi, pero pegou no pau e no rexeite Rubén mandouna fora. Pasaron só 6 minutos ata que Pablo Couñago fixera o primeiro da tarde, tras un bo centro de Tubo dende a dereita, que remata o dianteiro perfectamente de cabeza. Habería máis xogadas polémicas, pois no 27 o Alondras reclamou penalti por unha falta dentro do área sobre Álex Gómez e tres minutos máis tarde volveron reclamar pena máxima por mans dun defensor dentro do área, pero non sinalou nada o colexiado en ningunha das ocasións. Os homes das bandas do Alondras sentíanse cómodos no terreo de xogo, con numerosas chegadas e colgando balóns ao área. No 33 Mauro nunha internada pola banda, tira directo a porta e peta nun defensa, o que despista por completo ao porteiro que non pode evitar que o esférico acabe no fondo da rede. Aínda habería tempo para outro gol antes do descanso, esta vez unha acción individual de Álex Gómez que recolle un bo centro, controla perfectamente dentro do área e remata a onde non pode chegar Rafa, poñendo así o 3-0 ao descanso. Na segunda metade o guión non cambiou en absoluto, un Alondras enchufado ante un As Pontes desdibuxado, sen ideas, descolocado e sen capacidade de reacción no terreo de xogo. Os homes de Duarte, que viñan de perder por 5-0 ante o Castro semellaba que tiñan sede de vitoria e de goles. E no 53, outra vez Couñago, supera seu marcaxe e de cabeza fai o cuarto da tarde. Poucos minutos despois, Couñago facía un hat trick, outra vez rematando de cabeza no área pequena. Os de Cangas eran bastante superiores ao seu rival que non eran capaces nin de achegarse a porta, facendo que o porteiro local, Martín, se convertese practicamente nun mero espectador. Pero o festín de goles do Alondras aínda non remataría, no 71, Fondevila que a penas levaba uns minutos no terreo de xogo, nunha acción individual que parte dende a fronte do área, fai o sexto gol da tarde. Dez minutos despois, Tubo, un dos mellores do encontro, obtivo tamén o seu premio batendo a Rafa por sétima vez na tarde. Cun 7-0 no marcador e cun As Pontes derrotado, a mala sorte aínda se seguiu a cebar cos visitantes, pois a dous minutos para o final nunha acción totalmente desafortunada, Edi marcou en propia porta poñendo así o 8-0 definitivo. Tras esta contundente vitoria o Alondras suma 25 puntos e queda na décimo quinta posición, mentres que o As Pontes é penúltimo con 13. Na vindeira xornada o Alondras visitará ao Dubra,  pola contra As Pontes recibe ao Castro.   FICHA TÉCNICA: ALONDRAS CF: Martín, Castilla, Rubén Comesaña (Borja, min 64), Fiuza, Agujetas, Abel, Tubo, Álex (Fondevila, min 68), Pablo (Iván, min 64), Champi, Mauro. CD AS PONTES: Paco, Prieto (Caique, min 45), Buyo (Rafa, min 15), Callon, Abraham, Edi, Pablo Ramos (Sergio, min 62), Diego, Fran Cortés, Rubio, Rubén Pardo. GOLES: 1-0: Pablo Couñago, min 20; 2-0: Mauro, min 33; 3-0: Álex Gómez, min 37; 4-0: Pablo Couñago, min 53; 5-0: Pablo Couñago, min 61; 6-0: Óscar Fondevila, min 71; 7-0: Tubo, min 71; 8-0: Edi Pp., min 88. ÁRBITRO: Camaño Vázquez, auxiliado por Lorenzo Ávarez e Rivera Cores do colexio de Vigo. Amonestou con cartón amarelo a Fiuza por parte do Alondras e a Callón polo As Pontes. Expulsou con cartón vermello directo a Paco do As Pontes. INCIDENCIAS: Antes de comezar o encontro gardouse un minuto de silencio na memoria de Antonio Velloso, ex presidente do Alondras CF entre as tempadas 68/69 e 78/79 e nunha segunda etapa dende a tempada 81/82 e a 86/87. CAMPO: O Morrazo, ante uns 600 espectadores.    

Sheila Lorenzo

Compartir en Facebook
 

Contacto

Alondras CF.


Teléfono: 986 300 220
Fax: 986 191 119
Email: alondras@alondrascf.com